Sunday 19 de May de 2024

Máis de 150 persoas arroupan a Xosé Vizoso na inauguración da exposición “Carteis 1970-2014”, que poderá visitarse ata o 26 de febreiro en Brión


A exposición recolle un total de 52 carteis, moitos deles orixinais

A sala de exposicións municipal de Brión quedou moi pequena para acoller ás máis de 150 persoas, entre veciños/as e prestixiosos artistas e intelectuais, que asistiron á inauguración da exposición “Carteis 1970-2014”, do prestixioso ilustrador, deseñador e ceramista Xosé Vizoso. Unha mostra que recolle unha escolma de 52 carteis de entre os centos de traballos realizados polo artista mindoniense, residente en Brión dende 1990, ao longo de 44 anos.

O alcalde de Brión, José Luís García, foi o encargado de inaugurar a exposición, bromeando co feito de que “os que coñecemos a Vizoso sabemos que é home de poucas palabras. Cando menos en actos deste tipo. Outra cousa é cando non está aquí diante, que entón é un bo conversador e ás veces non hai quen o cale”. Unha predicción que se cumpríu, pois Vizoso se limitou a agradecer a todos cantos colaboraron na posta en marcha dunha mostra “que espero que disfruten os veciños e veciñas de Brión”.

García aproveitou a inauguración desta exposición para darlle publicamente as grazas a Vizoso pola súa implicación na vida sociocultural de Brión, “ben deseñando bustos como o de Vidal Bolaño na carballeira, ben ilustrando libros como o Brión en fotos, ben colaborando en moitas das iniciativas culturais que organizamos cada ano dende o Concello”. Por iso, o alcalde brionés agarda que “hoxe podemos gozar da túa faceta como cartelista. Espero que en próximas datas te animes a amosarnos algunha modalidade máis. Nós estaremos encantados e as portas desta sala de exposicións estarán sempre abertas para ti”.

O alcalde brionés citou ao recentemente finado Xosé Neira Vilas, quen ía asistir á inauguración desta exposición, prevista inicialmente para principios de decembro pero que tivo que ser aprazada por cuestións de loxística (ao coincidir coas eleccións xerais e ser utilizado o recinto para os comicios). “Xa o dixo o mestre Neira Vilas: Os carteis de Vizoso van moito máis alá dun anuncio, da noticia dunha festa, da información de urxencia sobre un evento social ou cultural. Non son carteis para ver dun saque e seguir, senón pezas artísticas para contemplar con lecer, con delectación estética”, apuntou José Luís García, quen indicou que “por iso, dende o Concello de Brión quixemos contar con esta exposición dende o mesmo día no que se presentou por primeira vez en Mondoñedo. Porque queriamos convidarvos a todos a gozar de corenta anos de traballo dun ilustrador, dun deseñador, dun artista e, sobre todo, dun gran veciño e mellor persoa como é Xosé Vizoso”.

Un dos grandes

Á inauguración asistiu o profesor, escritor e crítico literario Armando Requeixo, natural de Mondoñedo como Vizoso, quen felicitou ao Concello de Brión polo “recoñecemento a un gran artista, porque o Concello de Brión traballa cunha arxila inmellorable pero tamén son bos alfareiros, como demostra esta sala de exposicións”. Requeixo asegurou que Xosé Vizoso “é un dos grandes artistas de Galicia. Un home versátil onde os haxa. Un home poliédrico, un todoterreo da arte”. “Os seus carteis non son calquera tipo de cartel, é unha obra de arte”, insistiu Armando Requeixo, quen recoñeceu que “cando un ve un cartel de Vizoso ten a tentación de despegalo con coidado e levalo para casa”.

Finalmente, Alberto Álvarez, comisario da exposición, destacou que estamos diante dunha “obra única e irrepetible: 52 carteis, moitos deles orixinais, para promover eventos festivos e culturais” da man dun home “que naceu cun lapis na man”.

Ata o 26 de febreiro

Ata o 26 de febreiro todos os veciños e visitantes que o desexen poderán coñecer a obra como cartelista de Xosé Vizoso, que exerceu a maior parte da súa carreira profesional vinculado a Sargadelos e a Isaac Díaz Pardo. De feito, os seus deseños convertéronse nun referente iconográfico dunha cerámica, valorada e apreciada no mundo enteiro, que representa como ningunha outra a identidade da Galicia da segunda metade do século XX. Creou ducias de pezas de cerámica, deseñou centos de libros e ilustrou moitos deles. É autor de máis dun cento de carteis de festas, congresos, etc. Escenógrafo, pintou grandes murais e deseñou diversas exposicións.

Como cartelista, ao longo dos últimos 44 anos Vizoso elaborou a man centos de carteis de numerosas e prestixiosas festas de Galicia como a Romaría de Santa Minia, as San Lucas de Mondoñedo, a festa da Queimada en Cervo… Esta exposición, que viu a luz por primeira vez da man da “Asociación As San Lucas de Mondoñedo” e que antes de chegar a Brión percorreu outras localidades galegas, serve tamén como gran homenaxe do Concello de Brión a un dos seus veciños máis ilustres e que máis colabora coa vida cultural do municipio.